A sección hispano-portuguesa da Controlled Release Society (SPLC-CRS) outorgou o premio 2024 SPLC-CRS Best PhD Thesis Award a María Viveiro López, que realizou a súa Tese Doutoral no grupo IDE-Farma.
O premio foi outorgado durante a XV Conferencia da SPLC-CRS celebrada en Lisboa do 14 ao 16 de febreiro, tras un proceso de avaliación altamente competitivo. A CRS é a sociedade científica máis relevante a nivel mundial no ámbito dos sistemas de liberación de fármacos e a nanomedicina. O SPLC-CRS Best PhD Thesis Award premia aquelas teses doutorais que acrediten un alto nivel de formación do investigador no campo do deseño e a caracterización de medicamentos avanzados e que desen lugar a resultados científicos publicados en revistas indexadas de alto impacto. Nesta edición, o premio foi entregado polo Prof. Nicholas Peppas, da University of Texas at Austin, líder mundial no ámbito e Doutor Honoris Causa pola USC.
A Tese Doutoral premiada “Profilaxe e tratamento tópico de infeccións asociadas a audiófonos e lentes de contacto” realizouse baixo a dirección dos profesores Carmen Alvarez Lorenzo e Angel Concheiro Nine da Facultade de Farmacia e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC e centrouse no desenvolvemento de novos procedementos para incorporar fármacos en produtos sanitarios. Especificamente, María explorou diferentes enfoques para dotar a audiófonos e lentes de contacto con capacidade para ceder de maneira sostida substancias capaces de previr a formación de biopelículas ou abordar infeccións xa establecidas. O traballo levou a cabo desde unha perspectiva multidisciplinar en colaboración co University College de Londres (Reino Unido), o Instituto Superior Técnico de Lisboa (Portugal) e a Universidade Complutense de Madrid (España). Na actualidade, María incorporouse como postdoc no grupo do Prof. Morgan Alexander na Universidade de Nottingham cunha bolsa postdoutoral da Fundación Ramón Areces.