María Grela López, estudante de 5º curso do Grao en Farmacia, que realizou durante o curso 2025/2026 as Prácticas Externas de Grao (PEGI) no noso grupo de investigación, foi seleccionada como beneficiaria dunha das bolsas “Prácticas de Laboratorio Verán AECC 2026”.
Estas bolsas, promovidas pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC), teñen como obxectivo achegar o estudantado universitario á investigación biomédica en cancro, ofrecéndolle a oportunidade de completar a súa formación mediante a realización de prácticas en laboratorios de investigación.
Durante os meses de xullo e setembro, María desenvolverá un proxecto centrado no deseño e optimización de biotintas para a fabricación de modelos 4D de cancro de mama, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento de novas ferramentas para a investigación desta enfermidade. O traballo realizarase baixo a supervisión de Bárbara Blanco Fernández, na Facultade de Farmacia, e de Carmen Álvarez-Lorenzo, no Instituto de Materiais da USC (iMATUS).
