
Carmen Alvarez Lorenzo, coordinadora do grupo I+DFarma e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS), foi distinguida co Premio Nacional de Investigación Blas Cabrera 2026, na área de Ciencias Físicas, dos Materiais e da Terra, concedido polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O xurado recoñeceu a súa destacada traxectoria investigadora no ámbito da ciencia dos materiais biomédicos, unha área na que contribuíu de maneira decisiva ao desenvolvemento de biomateriais avanzados para a liberación controlada de fármacos, a medicina rexenerativa e a enxeñaría de tecidos. Os Premios Nacionais de Investigación constitúen o máximo recoñecemento científico que concede o Goberno de España a investigadores cunha traxectoria de excelencia e liderado internacional.
Este galardón representa tamén un recoñecemento ao traballo desenvolvido durante décadas polo grupo I+DFarma, froito do esforzo compartido de investigadores, estudantes, persoal técnico e colaboradores nacionais e internacionais que contribuíron ao avance de novas estratexias baseadas en materiais funcionais para aplicacións biomédicas.
Para o grupo, esta distinción supón un importante estímulo para seguir impulsando unha investigación de excelencia, co mesmo entusiasmo, compromiso e vocación de transferencia que guiaron a súa actividade desde os seus inicios.
O premio, que será entregado no mes de outubro, consolida a posición de liderado da Universidade de Santiago de Compostela no ámbito dos materiais biomédicos e da tecnoloxía farmacéutica.
Link: https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/carmen-alvarez-angel-carracedo-premios-nacionais-investigacion